Estás aquíCasa Latino inaugura as súas novas instalacións
Casa Latino inaugura as súas novas instalacións
“Queremos facer de Casa Latino un lugar onde se poida xantar ben e degustar unha boa comida elaborada con produtos tradicionais e desfrutar dunha boa tertulia con amigos na sobremesa. Todo nun ambiente de tranquilidade.” Con estas verbas, Ángel Rodríguez, xerente deste senlleiro local de Muimenta, que leva máis de 14 anos nesta zona do Concello de Cospeito, presentou a ampliación de Casa Latino, que transformou o antigo espazo para ofrecer un servizo de Casa de Comidas.
Esta renovación conleva unha ampliación do persoal, que pasa a compoñerse de seis persoas, entre cociñeiros, camareiros e un traballador que se ocupará do mantemento da finca. Este novo restaurante abrirá todos os días, agás os venres pola noite.
Ás antigas instalacións hai que sumarlles un novo comedor de dez mesas, ademais dunha cociña de leña. Outro dos novos espazos é un área reservada, cun aforo reducido e que conta cunha pequena cociña, tamén de leña, para que os comensais poidan ter unha tranquilidade extra.

Outras das novidades é a creación, na parte posterior da finca, dunha área recreativa para que os pequenos poidan xogar sen perigo, xa que está totalmente pechada ao tráfico.
Esta parte posterior está compartida con outro dos elementos específicos das novas instalacións de Casa Latino, a zona de horta e de animais. “Temos unhas instalacións para desfrutar. Teremos unha área recreativa para os pequenos e unha zona de horta e de animais para que a xente poida ver os animais que temos e cómo os coidamos”, conta Rodríguez.
A horta e os animais son importantes, xa que parte dos alimentos que se poden xantar no restaurante procederán directamente desta pequena “reserva”. “Todas as semanas faremos matanzas de ranchos e cordeiros, e tamén de polos campeiros e conexos caseiros. Todos os animais están alimentados na casa. Todos os produtos de horta serán da nosa, pero tamén empregaremos outros produtos do entorno, como son os queixos e máis produtos que hai na Terra Chá. Aos animais os alimentamos con produtos da zona, aínda que, nun momento determinado, principalmente nas fases de crecemento, se poden complementar con pensos, pero a base serán produtos naturais e os animais, todos da zona”, admite Ángel Rodríguez.
Os menús son fixos, aínda que poden sufrir algunha variación en función da estación do ano na que se atope. “Os menús variarán algo con respecto ás estacións do ano, teremos unha carta común todo o ano e logo cambiaremos un ou dous pratos en función do tempo en que esteamos, porque un cocido apetece comelo máis en inverno que en verán”, concretou o responsable de Casa Latino. Os domingos son unha data especial, xa que hai “polbo á feira con bancos e mesas de madeira, como si se estivese nunha feira”. Outras das actividades programadas son tertulias e celebracións das onomásticas dos rapaces.
Para poder xantar en Casa Latino é imprescindible pedir cita previa. “Non se poderá xantar doutra forma. Así non haberá problemas de que haxa que esperar para comer. O cliente saberá que vai a unha hora e que terá a súa comida preparada. Será máis limitado pero poderase desfrutar máis, porque os pratos estarán no seu punto”, comentou o xerente, Ángel Rodríguez.

